O PP arremete contra a xestión da Xunta dos incendios durante a súa xuntanza anual

    RIBADUMIA > Por cuarto ano consecutivo o PP galego reuniuse en Ribadumia para dar comezo ó novo curso político. No acto estiveron tanto os presidentes nacional e galego como os ex presidentes da Xunta Manuel Fraga e Fernández Albor e numerosos cargos do PP. O tema da cita, como non podía ser doutro xeito, os incendios.

    ppdeveran_200_290806.jpgO pazo Quinteiro da Cruz de Ribadumia acolleu un ano máis un acto do PP que reuniu a numerosos cargos galegos e ó presidente nacional, Mariano Rajoy. Abriu o acto o anfitrión, o presidente provincial Rafael Louzán, quen criticou duramente a política da Xunta e pediulle forza ós alcaldes para afronta-las vindeiras municipais. Louzán, ó igual que Núñez Feijoo, recordou que foi o PP quen gañou as eleccións galegas, e que a unión dos dous perdedores demostrou a incapacidade de ambos para gobernar Galicia. Aínda así o presidente galego ofreceu consenso ó goberno sempre que asuma as súas responsabilidades e autorice as investigacións.

    Sobre responsabilidade falou tamén o presidente nacional, quen centrou as súas críticas especialmente no goberno de Madrid e nas explicacións que deron á vaga de lumes en Galicia. O presidente nacional anunciou tamén que abrirá un debate sobre as competencias ou, máis ben, a falla de competencias do estado e que fará un programa marco de cara as vindeiras municipais no que incluirá solucións ós principais problemas da sociedade. E rematou pedindo de novo explicacións.

    Anque sen dúbida a intervención máis emotiva foi a do expresidente da Xunta que comezou homenaxeando a Fernández Albor, tamén presente no acto, e rematou cunha intensa apoloxía do Estado e da Monarquía que provocou a anécdota da xornada. No acto estiveron boa parte dos alcaldes, edís e presidentes do PP do Salnés, Caldas e Pontevedra. Pero tamén houbo ausencias notables, como a do presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro ou a do deputado Xosé Cuíña que o ano pasado sí estivo neste xantar.

    Presenzas e ausencias

    En moitos casos este tipo de actos políticos serven para ve-la situación do partido. E neste caso moitasppdeveransentados_200_290806.jpg miradas estaban postas en quen iría e quen non. Estaba o presidente da Deputación de Ourense, que ademais acompañou a Fraga ata o coche na despedida, pero non estivo o de Lugo, Francisco Cacharro, enfrentado ó actual vicepresidente do PP Xosé Manuel Barreiro.

    Non acudiu tampouco o deputado Xosé Cuíña pero sí López Veiga, contrincante de Barreiro e Feijoo nas eleccións do PP pola presidencia. Moitas miradas estaban postas tamén no alcalde de Sanxenxo e candidato por Pontevedra e no presidente do PP vilagarcián, cuxa candidatura nas vindeiras municipais podería perigar tralo nomeamento de Enrique León como candidato do Psoe. Entre os alcaldes populares do Salnés puidemos ver ós de Cambados, Ribadumia, Meis, O Grove ou Barro. Todos participaron no xantar que seguiu ó acto político e que reuniu a máis de 300 persoas nos xardíns do pazo Quinteiro da Cruz de Ribadumia.

    Redacción Salnés