26 florerías participan no Mercado das Flores de Cambados

CAMBADOS> Ás portas de Defuntos, toca mercar flores para os seres queridos que xa non están. En Cambados, 26 florerías participan na cuarta edición do Mercado das Flores. A cita, cada vez con máis clientes, volve celebrarse un ano máis no Salón José Peña.

26 postos participan este ano no Mercado das Flores de Cambados. É un máis que na anterior edición. A feira segue medrando, tanto en oferta como en demanda. Esta mañá, tivo lugar a súa inauguración e entre os ramos e os centros, moitos curiosos e clientes na procura das mellores flores para os seus defuntos. A cita mantense no Salón Peña, por cuarto ano consecutivo, en substitución daquelas clásicas ringleiras de flores ás portas do centro de saúde.

Outra das vantaxes da súa nova localización é a zona de estacionamento. A comodidade para as compras seica é un factor que atrae tanto a clientes como vendedores. Estes días, no Mercado das Flores cambadés participan florerías, non só de Cambados, senón que chegadas de varios puntos da noso contorna.

Cuns prezos máis que económicos, o mercado permanecerá aberto mañá e tamén na mañá do 1 de novembro.

Acompañando o Mercado das Flores, o Concello traballa estes días na posta a punto dos camposantos municipais.