Os veciños de Portas mobilízanse para non perder o tren

    tren_portas100_261107.jpgPORTAS > Ó igual que outros concellos do Ulla-Umia, Portas está a reclamar a continuidade do servizo ferroviario. O Concello xa remitiu …

    … máis de mil firmas á Xunta e ten solicitada unha entrevista coa conselleira de Política Territorial. Reclamacións que desde esta fin de semana rezan nunhas pancartas instaladas na propia estación de Portas.

    O Concello de Portas non quere perder o tren e así o puxeron de manifesto os veciños nunha mobilización na mesma estación de ferrocarril do pobo. Representantes de asociacións, veciños e políticos da corporación participaron nunha asemblea informativa convocada polo alcalde, Roberto Vázquez. O Concello está pendente dun encontro que xa solicitou formalmente coa conselleira de Política Territorial, María José Caride. E con esta concentración tratouse de facer unha fronte común para amosar a súa oposición rotunda a que os trens non paren na estación de Portas.

    Os veciños aproveitaron para colocar tres pancartas reivindicativas na estación e ademais teñen intención de continuar coa recollida de firmas durante a hiperfeira que se celebrará o 6 de decembro. O pasado venres xa entregaron 1.102 firmas na Xunta. Portas atópase, xa que logo, na mesma situación que outros concellos do Ulla-Umia, como Pontecesures, Valga e Catoira. Os seus rexedores xa se reuniron con Política Territorial para reclamar un tren de cercanías, que permitiría manter o servizo ferroviario nestas localidades unha vez entre en funcionamento o Tren de Alta Velocidade.

    {flowplayer}images/salnes/portas_tren.flv{/flowplayer}

    Redacción Salnés