Canalriasbaixas.com supera as 6.000 visitas en agosto

    TVSB > Canalriasbaixas.com superou por primeira vez a barreira das 6 mil visitas no mes de agosto. Alcanza a cota máis alta dende que a páxina web desta casa botara a andar no mes de novembro do ano pasado. En só nove meses a web experimentou un notable incremento no número de visitas de internautas na procura de información local.

    Tecleando canalriasbaixas.com en internet, calquera persoa, dende calquera parte do mundo pode acceder á información que ofrece Tele Salnés-Barbanza na súa web. O ‘site’ de información das Rías Baixas naceu fai nove meses e dende ese mes ata o de agosto o número de visitas non fixo máis que medrar cada mes: das modestas primeiras cincocentas visitas que se recibiron o primeiro mes de vida ata as 6300 que se contabilizaron durante o presente mes de agosto.

    En xullo xa foron máis de 5000 o número de veces que se entrou na nosa páxina pero a tráxica vaga de incendios que asolou Galicia en agosto foi, con toda probabilidade, a que disparou o número de visitas de internautas na procura de información puntual e veraz. Tele Salnés – Barbanza puxo tódolos medios ó seu alcance para cubrir todo o relativo ós lumes que afectaron ás comarcas do Salnés, Barbanza e Pontevedra. No programa especial de cinco horas que se fixo o martes, día 8, abrimos os teléfonos para que foran vostedes quenes deran a súa opinión sobre o que estaba acontecendo. Recibimos centos de chamadas para participar en directo.

    O colapso nas liñas telefónicas fixo que moitos se decantaran polo enderezo electrónico para facernos chegar a súa opinión. Canalriasbaixas.com eríxese así como un novo instrumento de comunicación que permite que se manteñan informadas as persoas que nos visitan e que, segundo consta na nosa base de datos, recibe visitas de varias partes do mundo entre as que destacan diversos países de Latinoamérica, Alemaña ou Suíza.

    Redacción Salnés