Ana Granja aposta por atender ás parroquias e apoiar ás empresas e ao deporte como eixos do seu programa para Vilagarcía

VILAGARCÍA> O Partido popular de Vilagarcía aposta por tres liñas principais dentro do seu programa electoral: proximidade coas parroquias, fomentar o asentamento de empresas e aumentar as instalacións deportivas. Para conseguir estes obxectivos, o equipo de Ana Granja propón crear un punto de escoita ao cidadán, un viveiro de empresas e un novo pavillón en Fontecarmoa.

Cun proxecto renovado e como base fundamental a proximidade coa veciñanza, Ana Granja opta a alcaldía de Vilagarcía liderando ao partido popular. A súa formación aposta por tres eixos fundamentais no seu programa, un deles é a busca de asentamentos de empresas na vila, para iso porá en marcha un viveiro de empresas.

Esta axuda as empresas verase reflexada tamén cun punto de información para as empresas que permitirá axilizar trámites e asesoralas á marxe de que estean comezando ou xa estean asentadas. Este non será o único punto de información, xa que dentro doutra das liñas básicas dos populares, a formación creará un punto de escoita ao cidadán co obxectivo de achegar o goberno ás parroquias.

Esta aposta polo rural tamén se verá reflexada na mellora das praias como as de Vilaxoán e Bamio, o que permitirá fomentar o turismo. Un turismo que o equipo de Ana Granja tamén quere achegar a Vilagarcía a través de eventos deportivos e culturais. Para o que aposta por potenciar Fexdega e crear un novo pavillón en Fontecarmoa.

Coa vista posta xa nas eleccións, Ana Granja móstrase ilusionada e confiada no seu equipo. As propostas electorais das distintas formacións poderanse coñecer máis en profundidade o mércores no programa contrastes desta canle co debate electoral de Vilagarcía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí