Emotiva homenaxe ós autores da Rianxeira

    homenaxerianxeira_100_040906.jpgRIANXO > As cinzas de Anxo Romero Lojo, un dos autores da canción da Rianxeira, descansan xa no camposanto municipal da vila. O acto de homenaxe contou coa asistencia de gran parte dos seus familiares e enmarcouse nun programa de actividades máis amplo co que se homenaxeou ós creadores do himno que honra á Guadalupe.

    A praza de Castelao, no concello de Rianxo, foi o escenario escollido para celebrar o acto de recepción dos restos de Anxo Romero, un dos autores da coñecida canción da ‘Rianxeira’. Familiares do homenaxedo e diversas autoridades locais asistiron ó evento, que comezou arredor das once e media da mañá coa lectura dunha declaración institucional a cargo do alcalde rianxeiro Pedro Piñeiro. No seu discurso, Piñeiro recordou ós presentes que tanto Anxo Romero coma Xesús Frieiro, o outro compositor da ‘Rianxeira’, xa foran nomeados fillos predilectos da localidade nun pleno celebrado pola corporación municipal no ano 67, un nomeamento que se reiterou o 4 de agosto do 2001. Agora, case corenta anos despois da súa morte, o executivo local quere devolver a estes dous autores todo o recoñecemento que lle deron a Rianxo.homenaxerianxeira_200_040906.jpg

    A vontade de Anxo Romero era voltar algún día á súa terra natal, Rianxo, despois de pasar longos anos na emigración. Este desexo facíase realidade esta fin de semana, cando as súas cinzas foron trasladadas ó camposanto municipal despois de asistir a unha misa no seu nome na igrexa parroquial de Santa Columba. Como clausura dos actos de honra, á unha e media da tarde inagurábase a rúa que a partir de agora levará o nome dos compositores da rianxeira, e arredor das nove da noite tivo lugar un festival no que os grupos corais da vila honraron ós autores homenaxeados.

    Redacción Barbanza