A Sala do Penal do Tribunal Supremo confirma a prisión permanente revisable para ‘O Chicle’

BARBANZA> O fallo do recurso presentado pola avogada de José Enrique Abuín Gey ‘O Chicle’ contra a sentenza emitida no seu día polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que o condenaba a prisión permanente revisable facíase público este mediodía.

Era unha das últimas bazas que lle quedaban ó Chicle para eludir a prisión permanente revisable. A súa avogada presentara un recurso de casación contra a sentenza do TSXG que viña a confirmar a ditada anteriormente por un Tribunal do Xurado da Audiencia Provincial da Coruña. Pero a solicitude obtivo o rexeitamento unánime da Sala do Penal do Tribunal Supremo.

O fallo avala a condena contra o autor da morte da moza madrileña ó entender que se acomoda á gravidade e perversidade dos feitos, tratando de ocultar un delito previo contra a liberdade sexual da vítima. Tendo ademais a convicción de que foi este o móbil que o levou a realizar o secuestro de Diana Quer, e posteriormente a asasinala para evitar ser delatado polo que fixera.

A sala tamén confirmou outra pena de catro anos e un día de prisión por un delito de detención ilegal e outro de agresión sexual, en concurso medial. Nos dous delitos apreciou ademais a circunstancia atenuante analóxica de confesión.

O Alto Tribunal bota por terra tamén outra das estratexias da defensa do Chicle, ó considerar que o xurado adoptou o seu veredicto no seu día baseándose nas probas practicadas no xuízo, sen estar influído polos medios de comunicación que informaron sobre o desenvolvemento do mesmo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí