A nova escola infantil de Outes será en breve unha realidade

OUTES> Acompañada do alcalde, Manuel González, e varios membros da corporación municipal, a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaba esta mañá a nova escola infantil de Outes, emprazada nas antigas dependencias do colexio do Cruceiro de Roo.

A titular de Política Social comprobou o resultado das obras de rehabilitación levadas a cabo no vello edificio que supuxeron un investimento de máis de 400 mil euros procedentes de fondos achegados pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o propio Concello.

Segundo explicou o alcalde, a posta en marcha deste servizo é froito dun compromiso firme do grupo de goberno coa conciliación.

Na súa intervención Fabiola García destacou a importancia desta actuación que permitirá poder ampliar en dez prazas máis o actual punto de atención á infancia co que conta o municipio.

A posta en marcha da nova escola infantil de Cruceiro de Roo será cuestión de días. Nun primeiro momento abriranse dúas aulas cunha oferta total de 30 prazas, para nenos de cero a tres anos, que poderá ser ampliada xa en setembro ata as 40.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí