Pais e concello buscan alternativas á polémica rotonda do Castelao

    rotonda_100_060906.jpgRIANXO > A rotonda construída recentemente nas inmediacións do Colexio Castelao segue sendo obxecto de conflitos entre o executivo municipal e a ANPA do centro escolar. O pasado martes debateuse no pleno unha moción do BNG presentada por vía de urxencia para restituír o tráfico tal e como se atopaba inicialmente. Mentres tanto, o executivo xestionará unha solución alternativa á polémica rotonda.

    O pleno celebrado en Rianxo contou cun número de público moito maior do habitual. O colectivo de nais de alumnos do Colexio Castelao non quixeron perde-lo debate da moción presentada polo grupo nacionalista para a restitución da circulación inicial na zona onde se está a construir a rotonda. A iniciativa contou co apoio do BNG e a abstención de PP e PSOE, por considerar que algúns dos puntos incluidos na moción xa foran debatidos polo executivo que xa tiña adquirido o compromiso de restablece-lo tráfico inicial.

    A resposta do goberno municipal segue sen convencer ós pais de alumnos que non confían en que o tráfico recupere a súa circulación inicial antes do día 11 de setembro, data de comezo do curso escolar, tal e como asegurou o alcalde rianxeiro.

    A crispación é a tónica dominante entre o colcetivo de pais afectados. Na súa loita por conseguir a eliminación definitiva da rotonda remitiron escritos a diversos organismos como a Deputación Da Coruña, a Consellería de Educación ou o Valedor do Pobo. Así mesmo, acaban de recibir un informe favorable do Real Automóbil Club que considera incompatible a ubicación da rotonda coa seguridade dos alumnos.rotonda2_200_060906.jpg

    Ademais , o colectivo de pais e nais está estudiando a posibilidade de presentar unha denuncia ante a comisión de urbanismo da Xunta de Galicia posto que dubidan de que o concello obtivese o permiso da Consellería de Urbanismo para realizar estas obras. Por outra banda, tampouco descartan a posibilidade de emprender outras accións xudiciais para lograr axilizar os traballos de retirada da rotonda.

    Polo momento, os pais teñen pensado seguir promovendo mobilizacións de protesta como medida de presión para instar ó concello á retirada definitva da rotonda.

    Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, ratificou o compromiso adquirido xa hai días polo executivo municipal de restituír o fluxo inicial do tráfico antes do vindeiro día once. Segundo o rexedor rianxeiro, o concello está a xestionar as posibles alternativas para a canalización do tráfico nesta zona, para ver se é posible o peche da rotonda.

    Os motivos que levaron ó executivo municipal á absterse da votación na moción presentada polo BNG consisten en que, segundo o alcalde, o escrito recollía dous compromisos xa adquiridos polo goberno como a restitución da circiulación tal e como estaba antes da rotonda e a necesidade de antepoñer a seguridade dos cativos por riba das necesidades de fluidez do tráfico.

    Pedro Piñeiro quixo facer un chamamento á tranquilidade e reiterou a súa predisposición a falar co colectivo de nais atendendo as súas demandas . Insisitu ademais en que o executivo non ten ningún interese especial na rotonda e que existe unha clara vontade política de entendemento con tódolos sectores de poboación que se poidan sentir afectados.

    Redacción Barbanza