A confraría de Cabo de Cruz denuncia o mal estado das súas instalacións

BOIRO> A confraría de Cabo de Cruz denuncia a falla de mantemento das súas instalacións. Instan a Portos de Galicia a acometer melloras na sede da entidade así como nos pantaláns que se atopan moi deteriorados.

As filtracións e o mal estado da cuberta son os principais problemas do edificio da confraría de Cabo de Cruz. Dende a directiva do pósito levan tempo advertindo a Portos de Galicia da necesidade de acometer melloras non só na sede da entidade senón tamén no resto de instalacións portuarias.

A estas necesidades súmanse os gastos para a contratación de vixilantes e asistencia técnica posto que aínda están pendentes de cobrar as subvencións destinadas a este fin no pasado exercicio. De non facelo canto antes, advirten de que a viabilidade da confraría está comprometida.

Denuncian ademais que o Conselleiro do Mar comprometeuse en setembro a visitar a entidade e manter unha xuntanza cos responsables para coñecer as súas necesidades. Sen embargo, a día de hoxe seguen sen noticias da administración autonómica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí