Polémico conflicto pola implantación dunha área comercial en Espiñeira

    caciquespp_100_080906.jpgBOIRO > A recalificación dos terreos de Espiñeira para a implantación dunha área comercial é un tema que non só enfronta ó tripartito boirés e á oposición. O propietario da finca a recalificar amosou o seu claro desacordo coa postura dos populares que cualifica de ‘contraditoria’. Manuel Escurís sostén que a recalificación dos seus terreos é perfectamente legal e ademais contribuiría ó crecemento económico de Boiro coa creación de máis de catrocentos postos de traballo.

    Este desagradable incidente producíase no trancurso dunha rolda de prensa convocada polo grupo municipal do PP de Boiro para amosar o seu desacordo cos convenios urbanísticos que o goberno pretende desenvolver para a creación de centros comerciais nas zonas da Pedreira e Espiñeira. Manuel Escurís, propietario dos terreos onde se pretende levar a cabo o proxecto, irrumpiu na sede dos populares increpando ós membros da executiva ós que mesmo chegou a calificar de ‘caciques’. Segundo explicou posteriormente o protagonista do incidente a fontes desta redacción, a súa intervención era obrigada ante as acusacións de suposto ’pelotazo urbanístico’ que o representante do PP boirés estaba a verter sobre este convenio. Manuel Escurís explicou que o seu proxecto consiste na ampliación do centro de xardineiría Espiñeira complementado coa creación da área comercial de LyC que garantiría a afluencia de público.Escurís cualifica ademais de ‘contradictoria’ a postura dos populares que defenden a implantación dun área comercial en Goiáns, finca situada nos arredores e que se atopa afectada por Costas e Patrimonio, mentres que non consideran axeitados os terreos de Espiñeira por atoparse fóra do casco urbán.caciquespp_300_080906.jpg

    Tralo incidente, no que se chegaron a producir momentos de moita tensión, o presidente dos populares boireses, Manuel López Outeiral, declarou que se trataba dunha interrupción desafortunada posto que a xuntanza fora convocada pola executiva do partido a nivel privado. Pola súa banda, Manuel Escurís formulou unha denuncia contra López Outeiral por supostas agresións xa que, segundo o denunciante, foi golpeado e ameazado polo representante dos populares.

    A pesar deste polémico suceso, os populares boireses seguiron a desenvolver a súa comparecencia pública na que adiantaron que votarán en contra dos dous convenios urbanísticos no vindeiro pleno do día catorce. O PP considera que existe chan urbanizable apto para usos comerciais contemplado no PXOM polo que non ve lóxico a necesidade de recalificar terreos para a construción de superficies comerciais.

    Os populares cualifican de ‘pelotazos urbanísitcos’ os convenios que pretende levar a cabo o goberno tripartito. No caso da recalificación da Pedreira, os populares optan polo acordo aprobado durante o seu mandato no cal se proxectaba a construción do centro comercial na finca de Goiáns. Segundo eles, este convenio sería moito máis beneficioso para os boireses xa que non suporía un gasto para as arcas municipais nin a perda de terros na Pedreira.

    No caso de Espiñeira, o grupo popular comparte a necesidade dunha área comercial pero non nestes terreos de calificación agrícola e forestal. Neste sentido, os populares instan ó goberno a desenvolver as áreas contempladas no plan xeral antes e realizar este tipo de operacións que consideran de ‘dubidosa legalidade’.

    Por outra banda, o representante do PP boirés criticou a xestión do tripartito á fronte do concello local debido á falla de investimento en proxectos orientados ó desenvolvemento do municipio. Por este motivo, o grupo popular considera que o alcalde, Xosé Deira, debería ter dimitido hai tempo e deixar paso a ‘xente preparada’ que, na súa opinión’ poida ‘aportar algo á vida pública’.

    Redacción Barbanza