Crean unha comisión estable para rexenerar o Umia a longo prazo

    O SALNÉS > O gabinete de crise da contaminación do Umia impulsará unha comisión estable para rexenerar o río a longo prazo. Así o acordaron as diferentes administracións na reunión celebrada este luns en Cambados. Namentres, segue tratándose o vertido de Brenntag e complétanse os 19 quilómetros de tubería ata Pontearnelas. O subministro ó Salnés comeza a funcionar aínda que en Vilagarcía os veciños quéixanse da cor e mal olor que desprende a auga que reciben a través desta canalización alternativa desde o sábado.

    O gabinete de crise creado tralo episodio de contaminación do Umia reuniuse de novo este luns. E nesa xuntanza decidiuse crear unha comisión estable que será a encargada da rexeneración do río a longo prazo. Polo momento, Medio Ambiente e o Csic continúan cos traballos de limpeza do vertido provocado por Brenntag. A Deputación de Pontevedra tamén se comprometeu a colaborar no saneamento do Umia, un dos temas fundamentais no gabinete de crise celebrado este luns pola mañá.

    auga_umia_200_110906.jpgAdemais de comezar a traballar na rexeneración, na reunión falouse sobre o avance da limpeza da mancha de Brenntag e sobre o abastecemento de auga ó Salnés, que dende este luns debería normalizarse por completo. A tubería que recolle auga na desembocadura do río Chaín, en Caldas, xa chega ata os depósitos de Ponte Arnelas, polo que non debería haber problemas de falta de auga. Agora haberá que esperar a ver que cantidade soporta ese tubo provisional para poder darlle máis caudal. O que aínda non se aprecia é moita auga no cauce do Umia, precisamente porque se está aproveitando toda para os depósitos, aínda que a que hai, parece totalmente limpa e saneada, con presencia de multitude de peixes e aves nas súas ribeiras. Unha imaxe que quere perpetuar esa comisión permanente que se creará o venres e que pretende estabiliza-lo abastecemento ó Salnés e que o Umia se convirta nun exemplo de recuperación ambiental.

    QUEIXAS EN VILAGARCÍA

    Entre tanto, os cidadáns, principais afectados por esta crise do Umia, séguense queixando, non tanto polo subministro de auga, senón pola calidade da mesma. O caso máis destacado atopámolo en Vilagarcía onde os veciños manifestan a súa protesta e preocupación ante o aspecto alodado e o mal cheiro da auga. A comezos desta fin de semana, moitos dos veciños de Vilagarcía, empezaron a notar a auga cun aspecto embarrado e un cheiro pestilente. A súa preocupación foi a máis en tanto o problema dificultaba tarefas cotiás relacionadas coa limpeza, a cociña e o propio aseo persoal.

    Dende as administracións trátase de lanzar unha mensaxe de calma e confianza. O Concello de Vilagarcía afirmaba este luns que as análises realizadas a fin de semana demostran a ausencia de contaminación bacteriolóxica na auga, e que o cheiro e a cor son debidos ó incremento da cloración nos depósitos. O Conselleiro de Medio Ambiente tamén se declaraba nesa mesma liña.

    TARDANZA DE TOURIÑO

    O PP acusa a Emilio Pérez Touriño de falta de respecto institucional. Os alcaldes populares afectados pola crise do río Umia criticaron ó presidente da Xunta por non visitar a zona ata unha semana despois do accidente de Brenntag. Amosáronse defraudados tamén por non recibir nin sequera unha chamada desde a presidencia e por non invitalos tampouco á visita que fixo o venres.

    alcalde_portas_200_110906.jpgO alcalde de Portas, Roberto Vázquez, lembra que este concello está a ser un dos máis afectados nesta crise. No seu termo sigue a mancha contaminante que está a ser tratada nas balsas de decantación instaladas nas Aceñas e polo tanto non teñen captación de auga e seguen subministrando ós veciños por medio de cisternas. Dúas das súas parroquias, Portas e Lantaño están bañadas por estas augas contaminadas e os veciños están preocupados por como afecta isto ós cultivos que teñen cercanos ó río. O concello segue esperando por unha resposta escrita da Consellería de Medio Rural.

    O presidente da Deputación amosou de novo o estudo que lle encargaran á Universidade de Santiago, e que indicaba máis de 170 vertidos industriais ó río Umia. Louzán indicou que a gran maioría procedían de Caldas e ensinou fotografías de Brenntag de antes da explosión. Segundo o informe esta empresa tiña un punto de vertido autorizado pero este non coincidiu co observado no estudo e ademais superaba os valores reais permitidos. Deste xeito apuntan ó alcalde de Caldas como un dos responsables deste vertido, ó permitirlle á empresa instalarse xunto ó río. Por isto reclaman ó presidente da xunta que revise as licenzas outorgadas polos seus alcaldes e que lles faga cumprir a lei.

    Redacción Salnés