Velo acusa a Deira de secuestra-la documentación do seu despacho

    velo_100_130906.jpgBOIRO > O concelleiro de Iniciativa Cidadá de Boiro, Manuel Velo, vén de denunciar ante os medios o secuestro de toda a súa documentación e efectos personais que posuía no seu despacho no concello, en alusión ó  feito de que o rexedor boirés Xosé Deira ordease días atrás, e despois da súa expulsión do goberno tripartito, o cambio de pechadura na oficina que o independente viña ocupando ata o de agora. Manuel Velo considera este feito de moi grave.

    Por esta razón o independente non oculta o seu enfado. Proba diso e que en días pasados intentou acceder ó seu despacho para recoller tódalas súas pertenzas e non o puido facer, ó atoparse coa pechadura da porta cambiada. Velo Velo pretende que o alcalde lle entregue toda a súa documentación e efectos persoais que garda nesta oficina, que tiña asignada cando aínda exercía como concelleiro de Turismo do grupo de goberno.

    Velo Velo solicítalle ademais ó executivo un local na casa consisitorial para poder atender ós veciños, tal e como segundo el establece a lei.

    O alcalde Xosé Deira confirmoulle e esta redacción que o cambio da pechadura se realizou o pasado venres, unha vez confirmado que Velo retirara xa as súas pertenzas, sinalando que de existir algunha documentación da súa propiedade se lle sería entregada xa que non ten ningunha intención de quedarse cos seus obxectos, polo que xa lle ordeou ó secretario municipal a realización dun inventario para determina-la propiedade de todo o que hai na estancia.

    En canto á posibilidade de habilitarlle outro despacho no concello o rexedor boirés explicou que non habería ningún problema, sempre e cando renuncie á asignación que percibe o seu grupo político, xa que a comezos do actual mandato tódolos partidos con representación na corporación boiresa acordaron renunciar ó seu dereito a ter un local na casa consistorial a cambio de percibir unha contía económica maior.

    Redacción Barbanza