Compras máis baratas e ata medianoite

    BOIRO> A Asociación Boirense de Empresarios desenvolve este sábado unha nova edición da Noite Aberta. Preto de corenta establecementos comerciais adheríronse á iniciativa. Ademais dos descontos, os comercios ampliarán o seu horario de apertura ata media noite e ofrecerán actividades alternativas ós clientes. Con esta xa son seis as veces que A Asociación Boirense de Empresarios aposta por este formato comercial para animar as vendas na localidade. A Noite Aberta implica a preto de corenta establecementos que abrirán ata as doce da noite e ofrecerán interesantes descontos nos seus produtos. Para animar a xornada e facer máis atractivas as rúas comerciais desenvolveranse paralelamente actividades destinadas ós máis cativos. O concello colabora, como vén facendo dende a primeira edición, coa Noite Aberta, apostando polo exitoso binomio entre cultura e economía. Ademais das actuacións dos grupos tradicionais Xilbarbeira, Xoaniñas e o Ballet Folclórico Boirense, a concellería de Cultura organiza a primeira edición do certame de pintura ó aire libre. O concurso conta tamén co apoio da asociación de amas de casa da localidade. Para participar é preciso inscribirse na casa da cultura ó inicio do certame. Os participantes terán toda a mañá para elaborar os seus traballos en calquera lugar do municipio ata as catro da tarde cando o xurado se reunirá para valorar as obras e decidir o gañador. A entrega de premios será as cinco da tarde na casa da cultura.