O furacán Gordon causa desperfectos no Salnés e o Barbanza

    BARBANZA E SALNÉS > A pesar das numerosas advertencias realizadas polos meteorólogos ante a chegada dos restos do furacán Gordon, o seu paso polas costas galegas non foi tan duro como agardabamos. No Barbanza, os concellos máis afectados foron Ribeira e Boiro onde se rexistraron caídas de árbores, postes da luz e numerosas tellas. No Salnés foi Cambados. Aínda así, os concellos das comarcas mantiveron operativo o dispositivo de seguridade durante todo o día para evitar posibles complicacións.

    gordon2_300_210906.jpgA Avenida da Coruña permaneceu cortada nun tramo durante a mañá do xoves e foi preciso desvia-lo tráfico por vías alternativas para facilitar o traballo dos bombeiros e operarios municipais que procederon á retirada dun tronco. A forte caída provocou danos de diversa consideración no edificio situado ó seu carón como a rotura de cristais e a varanda da terraza do último piso así como o cableado eléctrico das inmediacións.

    A zona das Carolinas, así coma o paseo marítimo de Coroso e as inmediacións do Culb Náutico foron algunhas das zonas máis afectadas polo temporal en Ribeira con desprendementos de ramas, tellas e contedores caídos. Tampouco se libraron dos efectos do Gordon as parroquias como Artes, Castiñeiras, Corrubedo ou Aguiño. Nesta última, a virulencia do vento provocou o desprendemento da cuberta do campo de fútbol da Tasca que, afortunadamente non provocou danos maiores, grazas a diversas árbores e postes da luz quye evitaron que a estrutura se desprazase.

    En Rianxo non se rexistrou ningunha incidencia reseñable salvo a retirada dalgunhas pólas caídas sobre a estrada. Aínda así o operativo de emerxencia permaneceu de garda ó longo de toda a xornada en previsión dunha posible reactivación dos fortes ventos. Outro dos concellos da comarca do Barbanza que resultou máis afectado polos efectos do furacán Gordon foi Boiro, onde se rexistraron varios incidentes de consideración, aínda que por fortuna non houbo que lamentar danos persoais en ningún deles.

    Boa parte dos incidentes viñan derivados da caída de árbores nas estradas que provocaron que os voluntarios da Agrupación de Protección Civil e do Parque de Bombeiros, así como os axentes da Policía Local nesta localidade tiveran traballo dabondo, co fin de volver á normalidade a circulación e que non se produciran maiores consecuencias. Precisamente un dos lugares que resultou máis afectados polo temporal e onde se fixo máis visible a forza do vento foi a zona de Praia Xardín coa caída de numerosas árbores e algún que outro panel informativo.

    En zonas como Cures, na estrada que une Boiro e Noia, ou na propia Vía Autonómica do Barbanza tamén se viviron momentos de tensión aínda que non houbo que lamentar danos persoais. Sen dúbida o suceso máis impactante tivo lugar na zona de Barraña, nas inmediacións do Campo Municipal de Fútbol, onde se produciu a caída dunha árbore dun parque alí existente enriba dun vehículo que circulaba en dirección a Cabo de Cruz como nos relata o propio edil de Obras boirés.

    No concello da Pobra do Caramiñal a situación foi máis tranquila, con pequenos desprendementos de tellas de vivendas e edificios do casco urbano e a caída de varias árbores nas proximidades da conserveira Ortiz. Polo que respecta ó mar destacar que a totalidade da flota de baixura permaneceu durante todo o día amarrada a porto, unha situación que podería prolongarse de continua-las condicións metereolóxicas existentes.

    Salnés

    gordon_300_210906.jpgNa outra beira da Ría de Arousa a situación foi máis tranquila. Tan só se rexistraron incidencias de consideración en Cambados. Protección Civil informou de danos nalgunhas obras, establecementos hoteleiros e incluso unha adega. Na zona norte da provincia de Pontevedra, os voluntarios de Protección Civil non rexistraron incidencias graves durante a madrugada e a mañá por mor do temporal que se esperaba desde a pasada medianoite.

    O máis que recibiron foron chamadas para retirar ramas ou árbores e postes das liñas eléctrica e telefónica caídos na estrada, ou contedores desprazados e virados. Nalgúns lugares como Cambados estiveron algo máis ocupados esta noite. Ademais de retirar contedores e algunha árbore caída, recibiron aviso desde a adega Condes de Albarei. Aquí voou parte do teito dunha carpa que tiñan instalada para resgardar a uva recollida estes días na vendima.

    No casco urbán houbo problemas cun andamio no Pombal, caeu un luminoso dun hotel e nun edificio en construcción venceron os 100 metros de valado que circundaba a obra, que xa foi reparado a media mañá polos operarios da empresa. Polo demais, nos portos permanece a flota amarrada á espera dunha melloría no tempo. No mar foi onde máis se fixo sentir o furacán, sobre todo na franxa atlántica.

    Redacción Salnés e Barbanza