NOIA> Con moita expectación, nun ateigado salón de plenos, comezaba a sesión plenaria da moción de censura.
Unha sesión que se celebrou finalmente con total normalidade, e sen incidentes.
Trala constitución da mesa de idade, deuse lectura á moción de censura presentada polo Partido Socialista, a Marea, o BNG e o concelleiro do grupo de non adscritos, anteriormente nas filas do PP, Luís Alamancos, para, a continuación abrir a rolda de intervencións.
O primeiro en tomar a palabra foi o candidato a alcalde, o socialista Francisco Pérez, o que expuxo os principais motivos que levaron á presentación desta moción de censura.
Toda unha serie de razóns que o resto de grupos que propiciaron esta moción de censura, incluíndo ó concelleiro ‘transfuga’, Luís Alamancos, comparten, ó entender que é polo ben de Noia.
Pola contra todos estes argumentos anteriormente expostos foron novamente criticados dende o goberno saínte.
O ata de agora alcalde, Santiago Freire, volveu a defender a súa xestión e a dos seus compañeiros durante estes anos á fronte da alcaldía.
Como tamén o fixeron dende o outro grupo que ata o de agora conformaba o equipo de goberno, o NOIA, que considera esta moción de censura coma un erro.
Rematada a votación, unha vez realizada a correspondente promesa do cargo e despois de recibir o bastón de mando do anterior alcalde, Santiago Freire, as primeiras palabras do novo rexedor foron para marcar cales serán os principais obxectivos do seu mandato.
Rematado o pleno, e despois de recibir os parabéns de familiares, compañeiros, amigos e veciños en xeral, o novo alcalde aludiu a cales serán os seus primeiros pasos como rexedor.
Nuns días ten intención de presentar a nova composición do seu goberno, no que a priori non entrarán nin o BNG nin o edil Luís Alamancos.











