Ribadumia volve manchar a cunca na conta atrás para o regreso da Festa do Tinto

RIBADUMIA> O tinto xa mancha a cunca en Ribadumia. Esta mañá presentouse a XLIX edición da Festa do Tinto do Salnés. Trátase dunha edición moi especial, que volve ao grande despois de dous anos condicionados pola pandemia. Ademais, nas adegas vívese con especial emoción, tendo en conta que só falta un ano para celebra-las vodas de ouro dun evento imprescindible na comarca. As grandes orquestras do país e un concerto de Roi Casal son os outros ingredientes que poñen a guinda á festa este ano.

En Ribadumia había moitas ganas de volver brindar. Tras dous anos condicionados pola pandemia, a Festa do Tinto do Salnés e exaltación das variedades autóctonas volve e faino por todo o alto. Esta mañá, como manda a tradición, o viño marchou por fin a cunca, no pistoletazo de saída dunha XLIX que se agarda tan multitudinaria como exitosa.

A volta ao grande da Festa, entre o dous e cinco de xuño, suporá tamén o regreso a Ribadumia das grandes orquestras do país. O Combo, a Panamá ou a Panorama son só algúns dos nomes propios que amenizarán este ano o Tinto. Canda elas, un concerto de Roi Casal.

A Adega Lucio foi este ano a anfitrioa para a posta de longo dos festexos. Un evento que, como sempre, terá na xornada do sábado o día grande, co xantar e o anuncio do viño gañador deste ano.

Ademais, este ano o concello vai instalar na festa un punto violeta, para previr calquera tipo de situación violenta ou agresión no transcurso da festa. Porque do que se trata, din, é de vivir unha festa do Tinto con diversión, pero sen agresión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí