Cores Tourís súmase á querela contra Medio Rural

    CAMBADOS > O alcalde de Cambados anunciou que se sumará á decisión do Partido Popular de querelarse contra Medio Rural por culpar ós concellos de non colaborar na loita contra incendios. José Manuel Cores Tourís reclama non só o cese do Director Xeral de Montes por verter estas manifestacións, senón do propio conselleiro de Medio Rural, por incompetente.

    O Concello de Cambados insiste en denunciar a incompetencia da Consellería de Medio Rural durante a vaga de incendios forestais deste verán. As principais críticas diríxense ó Director Xeral de Montes por culpar unha vez máis ós concellos de non colaborar na loita contra incendios. O alcalde asegura que no caso de Cambados si se traballou na extinción do lume. Cores Tourís aclarou que no caso de Cambados só se firmou o convenio con Medio Rural para desbroce de zonas urbanizadas e camiños.

    Do convenio de brigadas contra incendios asegura que o Concello non o recibiu xa que Medio Rural decidiu optimizar medios. O alcalde explicou que non se firmou o da motobomba porque o vehículo tiña máis de 14 anos. O alcalde de Cambados lembra que foi Medio Rural quen decidiu a principios de verán unha reducción dos operativos contra incendios e quen garantiu a completa cobertura do territorio. Por iso acusa de incompetente ó mesmo conselleiro Alfredo Suárez Canal e pide a súa destitución, xunto coa do Director Xeral de Montes.

    Redacción Salnés