17 mozos e mozas entran nunha nave da confraría da Illa de Arousa e esnaquizan diferentes materiais

A ILLA> Acto vandálico na Illa de Arousa. 17 mozos de entre 13 e 18 anos entran nunha nave da confraría rompendo as ventás e esnaquizando no seu interior mobles e tubaxes. A confraría reunirase cos pais para que paguen os danos e evitar así ter que acudir ao xulgado.

A nave que a confraría da Illa de Arousa ten en Punta Quilma foi, a pasada semana, vítima duns actos vandálicos provocados por 17 mozos e mozas de 13 a 18 anos. Foron os transeúntes da zona os que alertaron aos servizos de seguridade do que estaba a ocorrer.

A nave leva baleira dende hai anos pero aínda así está preparada para dedicarse á cría de moluscos. A rapaza entrou ao inmoble rompendo fiestras e causando unha importante desfeita no interior. Os vixilantes rexistraron 3 entradas dende o mércores ao sábado ata que finalmente atoparon aos mozos no interior.

Na zona exterior tamén causaron danos rompendo tubaxes e chemineas.

Os rapaces romperon á porta e entraron ao interior do inmoble, a continuación abriron as portas para que entraran o resto dos compañeiros. A nave está preto de ser vendida a unha empresa, co que a nova compañía xa tiña gardados materiais no interior. Uns materias que os rapaces utilizaron para crear a súa propia sala.

A rapazada incluso moveu un dos bidóns de gran peso para poñelo ao lado da súa nova sala.

A confraría reunirase agora coas nais e pais para intentar chegar a un acordo. Os danos materiais poderían superar os 5 mil euros.

No interior da nave tamén había produtos químicos que a rapazada apenas tocou pero que cun mal uso podería causarlles danos importantes. Á marxe dos danos, os vixilantes non teñen constancia de que os mozos e mozas roubaran nada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí