RIBEIRA> O Club Natural Sport de Ribeira continúa cos actos de celebración do seu 30 aniversario. O sábado 29 desenvolverase unha exhibición deportiva acompañada dunha degustación gastronómica na rúa do Sal.
A última fin de semana de agosto encherá Ribeira de actividades. Ás múltiples propostas festivas e de lecer vense sumar agora unha nova xornada que combina deporte e gastronomía e permitirá ademais recadar fondos para o Club Natural Sport que celebra o seu 30 aniversario.
Os actos comezarán ás once da mañá cunha exhibición de taekwondo e unha xornada de portas abertas que se celebrará ó carón da rúa do Sal.
A mediodía haberá unha degustación gastronómica en colaboración con Mariscos Bomar e a Lonxa de Ribeira así como os locais hostaleiros da rúa do Sal, onde se venderán os tickets para retirar as racións de paella, empanada e croquetas.
O concello de Ribeira colaborará tamén coa iniciativa contratando a animación musical a cargo de Chiña e unha sesión DJ. Os fondos recadados destinaranse a sufragar os gastos de competición do club.











