A Xunta saca a licitación as obras da nova rotonda en Xuño

PORTO DO SON> A Xunta de Galicia sacou hoxe a licitación as obras de construción da nova rotonda na AC-550, en Xuño, no concello de Porto do Son. A actuación, cun orzamento de máis de 300 mil euros, virá a mellorar a seguridade viaria nesta zona.

As empresas dispoñen dende hoxe e  ata o vindeiro 2 de febreiro para presentar as súas ofertas e facerse con esta actuación presupostada en máis de 300 mil euros. Foi a propia consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a encargada de anunciar a licitación durante unha reunión de traballo co alcalde, Luís Oujo, na que tamén participou o Delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Segundo a titular de Infrestruturas a actuación permitirá mellorar a seguridade viaria na zona mediante a construción dunha nova glorieta, nun treito da estrada autonómica AC-550 que rexistra unha intensidade media de tráfico.

O rexedor sonense agradeceu este investimento xa que permitirá optimizar os movementos do tráfico rodado e mellorar a seguridade no lugar onde existe unha intersección que conecta esta vía coa igrexa, o colexio e o centro de saúde e á praia das Furnas.

A actuación, cuxo inicio das obras está previsto para finais da primavera, vén a sumarse a outras xa realizadas en materia de mellora da seguridade viaria neste Concello, como é o caso da actuación realizada en Portosín, que supuxeron un investimento da Xunta de máis de 800 mil euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí