O Grove acolle o 17º Simposium Internacional de Escultura

    O GROVE > Unha das actividades que se desenvolve no concello meco nos días previos á Festa do Marisco é o Simposium Internacional de Escultura ó Aire Libre, que este ano chega á súa 17ª edición.

    5 son os artistas participantes este ano, que xa comezaron a esculpir as súas obras na praza do Corgo.

    Cinco xoves elixidos de entre 50 esculpen as súas obras dende a pasada fin de semana. O fallo do xurado coñecerase o último día da festa do marisco. España, Xeorxia e Arxentina son os lugares de procedencia deste cinco artistas, que destacan o privilexio de poder traballar a pedra, preto do público e de cara ó mar.

    Cada día que pasa, os viandantes van comprobando cómo as pedras comezan a coller forma. O único galego participante, natural do concello de Meis, elixiu o mar como protagonista.

    Dende principios do mes de setembro, o concello do Grove celebra unha serie de actos como preámbulo da Festa do Marisco, que este ano chega á edición número 43. A apertura dos stands de venta de marisco terá lugar o día 5 e os productos poderánse degustar ata o 15 de outubro. Rec

    O 30 de setembro chegará ó paraíso do marisco a Gala Festa do Marisco na praza do Corgo ás 10 da noite, coa actuación de Raúl, Roser, Son Pasión, Lis e os grovenses Carlos Otero, Diana e Marusela. Antes da música, dende as 4 e media da tarde, comezará a celebración do día dos xogos populares.

    A finais da vindeira semana, o xoves, terá lugar a apertura da carpa- exposición Mar Adentro, a presentación da publicación ‘O Grove, unha vila mariñeira’ e a apertura dos stands de venta de marisco. 10 días de intensa actividade festiva para os que o concello meco xa está totalmente preparado.

    Durante a primeira quincena de outubro O Grove acollerá eventos xa consagrados, como o cuarto certame de habaneras concello do Grove, a vixésimo oitava edición da festa do mexillón ‘Amegrove’ e unha gran variedade de grupos musicais, bandas populares e agrupacións que porán a nota musical á 43 edición da festa do Marisco.

    O evento que pechará a festa, un ano mais, será a entrega dos Centolos de Ouro. Este ano, o restaurante Cantábrico de Madrid recollerá o galardón no apartado de gastronomía/ hostalería, pola súa promoción específica do marisco no Grove. No apartado de medios de comunicación, O Diario de Arousa recollerá o Centolo de Ouro pola especial atención que lle prestan á vila meca nas súas páxinas diarias. No apartado de promoción turística, O Grove agradecerá coa entrega do galardón a Coca Cola España a súa reacción ante a solicitude de aclaración do anuncio de TV no que se confundía un boi de mar cun centolo e o grovense recoñecido este ano será Isolino álvarez, pola súa dedicación ó turismo meco.

    Redacción Salnés