Máis de 800 nenos bailan en Vilanova por un mundo en paz

 

VILANOVA> Estamos a 30 de xaneiro, Día Internacional da Paz. Para celebralo, uns 800 rapaces dos colexios de Vilanova déronse cita no campo do Terrón, reivindicando un mundo libre de violencias. Fixérono cun multitudinario baile e a lectura dun manifesto.

Son 800 nenos e nenas de Vilanova, unidos, por unha boa causa: reivindicar un mundo en paz. Para iso, todos xuntos, organizaron un baile no que tanto os máis pequechos como os máis maiores demostraron o seu talento. Nesta ocasión, a música serviulles de escusa para demandar un mundo libre de guerras, conflitos e violencias. Os propios nenos, a través dun manifesto, recoñecen que consegui-la paz no mundo non é tarefa doada, se cadra unha utopía que só se poderá lograr se todos facémo-lo esforzo.

Un mundo en paz que tamén nos toca moi de preto. Porque a paz non é só resolver guerras ou conflitos internacionais. A paz lógrase tamén no colexio ou na casa, respectando a integridade de todas e cada unha das persoas. Este ano, os rapaces quixeron facer unha mención especial á lacra da violencia machista.

Como xa fixeran o ano pasado, neste curso os rapaces volveron facer unha recollida solidaria de alimento. Este ano, todo o recadado foi para a ONG “Amigos de Galicia”. Dende o colectivo, agradecen o xesto xeneroso dos rapaces.

Os rapaces tamén participaron nunha carreira na que o importante non foi gañar, senón comparti-la experiencia con todos os colexios de Vilagarcía e pasalo ben. Para culminar esta xornada de moita diversión e, sobre todo, moitas reivindicacións, os nenos deixaron en liberdade unhas pombas, o símbolo por excelencia da paz, que hoxe tamén sobrevoou a localidade.