O alcalde da Illa reincorpórase ao traballo na alcancía despois de romper a clavícula nunha agresión

A ILLA> O alcalde da Illa de Arousa regresa ao traballo na alcaldía tras romper a clavícula nunha agresión sufrida o pasado sábado durante as festas do San Xulián. Carlos Iglesias quita ferro ao altercado sinalando que foi un feito illado. Advirte que o importante é continuar traballando para os veciños e que continuará escoitando a todo o mundo.

O alcalde da Illa de Arousa regresou este luns ao seu traballo da alcaldía con total normalidade, a pesar de ter a clavícula rota. A fractura produciuse a noite do sábado, durante as festas de San Xulián. Un home achegouse ao alcalde a recriminarlle diferentes cuestións, ante os nervios da conversación, o home empurrou a Carlos Iglesias de forma inesperada provocando que o alcalde caese sen poder protexerse. Suceso que lle provocou a rotura da clavícula.

A pesar deste feito, o alcalde insular non quixo que a agresión afectase ao funcionamento do concello e por iso esta mañá regresou ao traballo. Iglesias non quixo afondar máis no asunto e avogou por quitarlle ferro, sinalándoo como un feito illado. A pesar diso, o rexedor advirte que non se poden aceptar este tipo de comportamentos e apela á veciñanza a resolver os conflitos con entendemento, respecto e diálogo.

O alcalde tamén sinala que o acontecido foi froito dun mal momento e que non se sinte desanimado para continuar traballando pola Illa de Arousa. De Feito, sinala, que continuará atendendo a todas as persoas que lle queiran trasladar calquera cuestión ligada ao traballo municipal.

Segundo sinala o rexedor, o traballo desta mañá na alcaldía transcorreu con normalidade centrando as súas tarefas en intentar arranxar con Portos de Galicia o problema do desplome no paseo do Cantiño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí