![]()
SANXENXO > O concello de Sanxenxo puxo ó día ás ordenanzas municipais no pleno celebrado o martes. Cos votos a favor dos populares e as abstencións e votos en contra, en ocasións, de socialistas e nacionalistas, o equipo de goberno de Telmo Martín…
…modificou as taxas que, entre outros temas, afectan ó lixo, electricidade, gas ou uso de terreos públicos municipais.
Os nacionalistas de Sanxenxo foron os máis críticos no pleno celebrado en Miraflores para tratar o tema das ordenanzas municipais. Mentres os socialistas tenderon a absterse o grupo nacionalista votou en contra de case todas. O BNG non foi condescendente coas propostas do equipo de goberno de Telmo Martín en varios temas.
Entre eles o dos valores catastrais que a xulgar polos nacionalistas sofren un incremento excesivo no concello e sobre os que sería suficiente a actualización que fai o Estado anualmente. O alcalde, Telmo Martín argumentou que aínda así non é Sanxenxo dos concellos que máis alta ten esta taxa e amosou a súa disposición a que, se a lei o permite, se apliquen impostos distintos en función da zona municipal.
O Bloque votou en contra tamén das ordenanzas relativas á ocupación de terreos de uso público municipal con mesas, cadeiras ou tribunas e á que afecta ós vaos. Os nacionalistas sosteñen que deberían ser distintas en base á ubicación do negocio.
Do voto negativo do Bloque non se libraron tampouco as taxas polos servizos de Terra Sanxenxo baixo o argumento de que non están dacordo coas que se aplican en materia de actividades extraescolares. Un argumento que desatou o enfado da responsable na materia.
Ademais das taxas no pleno houbo unha moción dos socialistas sobre a vaga de incendios que arrasou Galicia no mes de agosto e que foi votada en contra polos populares ante a negativa do PSOE a cambiar un termo no que o partido asumiría a creación dunha comisión de investigación.
Redacción Salnés










