Veciños de Castiñeiras denuncian a posible ilegalidade dunha obra

    RIBEIRA > O presidente da Asociacion de Veciños ‘A Batiola’ de Castiñeiras, Xurxo Ferrón, presentou  ante o Concello de Ribeira e a Demarcación de Costas unha denuncia sobre as obras que está realizar un veciño da localidade.

    O denunciante sospeita que ditos traballos carecen da correspondente licenza polo que insta a ambos organismos a actuar de inmediato ordena-la súa paralización.

    A citada denuncia vén motivada polas obras de construcción dun muro de peche de grandes dimensións que se están a acometer nunha finca ubicada na estrada xeral Ribeira – Aguiño, na parroquia de Castiñeiras. Estes traballos están a provocar a alarma entre os veciños da zona xa que ó parecer o muro se está a construir utilizando pedras da praia, invadindo os terreos de dominio público e a zona de servidume de protección.

    Ademais, os membros da asociación de veciños xa teñen confirmado que esta actuación non dispón do permiso legal do Concello, Demarcación de Costas nin de ningún outro organismo oficial con posibles competencias na cuestión. Por este motivo o presidente da asociación, Xurxo Ferrón, presentou ante ambos organismo unha denuncia na que lles pide que paralicen os traballos e que a zona en cuestión recupere o seu anterior aspecto.

    Xurxo Ferrón comentaba ademais que tiña constancia de que logo de entrega-la denuncia no Concello o executivo local daba a orde de paralizar as obras aínda que esta tarde no lugar seguían a traballar varios operarios.

    Redacción Barbanza