![]()
PONTECESURES > Ó pleno extraordinario celebrado en Pontecesures pouco lle faltou para se converter case nunha feira. O que foi convocado coa intención de debater o futuro do parque empresarial de Pontecesures rematou cun enfrontamento entre…
…o grupo de goberno e a oposición que se saldou co levantamento da sesión antes de que o alcalde dera resposta ás preguntas que lle foron formuladas.
O motivo do pleno non era outro que o futuro do polígono industrial de Pontecesures. A oposición propuña que se votara pola celebración dunha reunión entre as partes implicadas na creación do polígono: dende os veciños, á Administración Autonómica, pasando por tódolos representantes da corporacións. A decisión foi unánime: todos votaron a favor de celebrar tal reunión pero a idoneidade do polígono combinado coa creación de máis de 200 vivendas anunciadas fai uns meses pola conselleira Teresa Táboas foi amplamente discutida no pleno.
O BNG foi crítico coa postura adoptada polo ata fai pouco membro da corporación, o edil de ACP (Luís Sabariz), ó que acusou de cambiar facilmente de ideas e sobre o que recolleron as declaracións vertidas fai uns meses en relación co polígono e nas que se amosaba a favor. Os populares, pola súa banda, acusaron ó alcalde de vender fume e puxeron en tea de xuízo a finalidade das vivendas que se pretenden crear no polígono industrial. Neste sentido o voceiro do PP aludiu ós comentarios que circulan nunha páxina web en Internet que aseguran que as vivendas téñena finalidade de servir de ‘solución’ ó traslado dos habitantes da zona do VAO en Poio. Angueira negou que fose certo e asegurou non fiarse de comentarios que aparecen en Internet. Malia o debate non se obtivo solución algunha a excepción da unanimidade de celebrar a reunión que se pedía na moción.
Pero o pleno xerou outras preguntas comprometidas para o grupo de goberno como o da vaga de incendios ou os gastos do concello. A estas e outras preguntas sobre varios almorzos do alcalde con cargo ó concello o rexedor decidiu que as responderá no pleno da vindeira semana e decidiu levantar a sesión. Unha actitude que desatou a ira da oposición.
Redacción Salnés










