O PP boirés critica o retraso na ampliación do porto de Cabo de Cruz

    ppboiro_100_290906.jpgBOIRO > O Partido Popular de Boiro vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria interesándose polas obras de ampliación do porto de Cabo de Cruz.

    Segundo os ‘populares’ esta actuación é unha obra de gran importancia para o municipio debido fundamentalmente ó gran movemento comercial deste peirao, xa que non hai atraques suficientes e as embarcacións corren un gran risco ó carecer de abrigo suficiente.

    Os concelleiros do PP de Boiro compareceron en rolda de prensa para criticar ó actual executivo polo retraso nas obras de ampliación do actual peirao de Cabo de Cruz. O seu voceiro, Xoán Xosé Dieste, lembrou as xestións realizadas polo anterior goberno municipal presidido por Xesús Alonso que supuxeron incluir esta actuación no plan plurianual de Portos de Galicia no ano 2004, cunha inversión de preto dos 8 millóns de euros para aumenta-la liña de atraque, amplia-lo actual peirao, a construción de pantaláns e a realización dun porto náutico-deportivo. Segundo el van alá máis de dous anos e aínda non se sabe nada destas obras.portocabodecruz_200_290906.jpg

    Xoán Xosé Dieste arremeteu contra o executivo local presidido por Xosé Deira ó que culpou deste novo retraso nesta importante obra. Ademais fixo referencia a que as grandes obras na parroquia do Castro foron realizadas polos gobernos do PP como é o caso de varias ampliacións no porto pesqueiro e comercial, instalacións e servizos portuarios, a construción da lonxa ou mesmo o paseo marítimo de Carragueiros.

    Redacción Barbanza