A Asociación Galega de Alzheimer forma asistentes profesionais en Ribeira

    alzheimer_100_021006.jpgRIBEIRA > A Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer está a celebrar un curso en Ribeira para formar profesionais que den servizo ás persoas afectadas por esta patoloxía.

    As clases estanse a impartir dende o pasado 25 de setembro con gran éxito de participación, estando previsto a clausura deste seminario para o vindeiro mércores, data na que se fará entrega dos diplomas ós asistentes. En total son un centenar de persoas as que están participando nesta iniciativa organizada pola Asociación Galega para a axuda das persoas con alzheimer. O curso pretende introducir a tódalas persoas que participan no mesmo no coñecemento da realidade da convivencia cos enfermos e dos coidados que estes precisan.

    Ó longo do seminario, que terá unha duración de sete días, facilítaselles ós asistentes as referencias básicas necesarias que lles permitirán dar uns coidados de máis calidade e menor esforzo, buscando así o equilibrio na súa vida cotiá.alzheimer_200_021006.jpg

    Ó longo das xornadas xa desenvolvidas analizáronse diversos aspectos desta enfermidade. Así no primeiro día o neurólogo Alfredo Robles falou da demencia desta doenza, así como a súa evolución e o tratamento farmacolóxico existente. No segundo día a coidadora e enfermeira Ana Villaverde desenvolveu unha ponencia sobre a organización e planificación da vida diaria. O terceiro día a tamén enfermeira Carme Casal falou sobre os coidados de efermería para os pacientes de alzheimer. O cuarto día a logopeda Gladys Castro explicoulles ós participantes no seminario as terapias non farmacolóxicas. As dúas ponencias deste mes de outubro corren a cargo da avogada María Xesús Loredo que falou sobre as cuestións legais e a ter en conta diante da demencia e a do psicólogo, David Facal e o traballador social, Inocencio Pereira, que analizaran aspectos como o papel da familia diante desta enfermidade ou as estratexias de afrontamento, respectivamente.

    Na clausura do curso faraselle entrega ós participantes dun diploma acreditativo do mesmo, por parte da presidenta da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer, María Isabel Gey, e a traballadora social, Vanesa García.

    Redacción Barbanza