RIANXO> Solo Empresarial do Atlántico, entidade pública que xestiona o polígono rianxeiro, anuncia a venda dunha nova parcela neste parque empresarial.
Pouco a pouco o parque empresarial de Té en Rianxo vai cobrando vida co asentamento de novas empresas. Hoxe a xerente de Solo Empresarial do Atlántico, entidade pública que xestiona este polígono, anunciaba a venda doutra parcela, neste caso á conserveira Cerqueira, na actualidade asentada en Ribeira, e que en breve trasladará a súa produción a Rianxo.
O alcalde, Adolfo Muíños, mostrou a súa satisfacción por esta nova, xa que a medio prazo suporá a chegada dunha empresa de gran formato, que apostou por desenvolver o seu proxecto empresarial no municipio.
A venda desta parcela, cunha extensión aínda por determinar, pero que suporá preto do 25% da superficie total do parque empresarial, fai pensar ó executivo rianxeiro na posibilidade de desenvolvemento dunha segunda fase do polígono, para a que xa hai unha bolsa de terreo destinada a este fin no Plan Xeral de Ordenación Municipal, a carón do actual.