Vicepresidencia segue instando a Cambados a que solucione ilegalidades

    garderia_cambados_100_031006.jpgCAMBADOS > Vicepresidencia da Xunta de Galicia volve poñer en evidencia a palabra do alcalde de Cambados sobre o módulo ilegal da gardería municipal.

    Segundo a administración autonómica, Cores Tourís tiña autorizados 4 módulos e decidiu, pola súa conta, abrir o quinto de forma ilegal. No conflicto, aparece agora implicada unha ex conselleira: a popular Pilar Rojo concedeu daquela unha subvención para un módulo que, oficialmente, non existe.

    Vicepresidencia da Xunta de Galicia segue aportando probas de que o alcalde de Cambados sabía da ilegalidade que se estaba cometendo na gardería municipal.

    Segundo un documento do ano 2003, o concello de Cambados solicitou unha subvención para este centro declarando unicamente os 4 módulos autorizados pola Xunta, unha petición nun documento oficial asinado por Cores Tourís. Sen embargo, nese mesmo expediente e, segundo Vicepresidencia, ‘misteriosamente’, o alcalde, sen acreditar ter resoltos os problemas que lle impedían ter un quinto módulo, ‘auto autorízase’ en 2004 a quinta aula para nenos de 2 a 3 anos, unha irregularidade que se mantén no ano 2005 ata que foi detectada polos servizos de inspección da Xunta.

    A entón conselleira de Familia, a popular Pilar Rojo, concedeulle unha subvención ó concello, sen requirirlle que regularizara a situación do centro. Cores Tourís segue facendo caso omiso ós requerimentos da administración autonómica: nin enviou o listado de alumnos solicitado por Vicepresidencia para avisar ós pais e nais das condicións ilegais do módulo no que deixan ós pequenos, nin deu ningún paso para regularizar o quinto módulo da discordia.

     Ademais, dende a Xunta tamén agardan as acreditacións da vacinación dos traballadores do centro e a colocación dos detectores de fumes que faltan. Vicepresidencia lembra o incendio de hai 9 anos nunha gardería que carecía destes sistemas de detección de fume e na que morreron calcinadas 3 nenas menores de dous anos.

    Antón Losada, secretario xeral de relacións institucional, recorda que a Xunta está na mellor disposición para amañar esta situación irregular, pero que os 10 días de prazo dados ó concello seguen correndo.

    Redacción Salnés