PONTEVEDRA > O delegado de Educación en Pontevedra amosou a súa decepción pola actitude das ANPAS e dalgúns pais do colexio Progreso de Catoira. José Armando Cristóbal non entende a reacción por un cambio no horario que nalgúns casos só é dun cuarto de hora. Segundo o delegado as obras suporán unha mellora notable na calidade educativa dos cativos catoirenses.
O sacrificio do horario é mínimo en contraste co beneficio que reportará ós escolares a mellora dunhas instalacións que estaban en mal estado segundo o Delegado. Cristóbal Fernández nega que a xornada intensiva que dende esta semana afecta ós escolares da Lomba fora imposta por Educación unilateralmente sen ter en conta a opinión dos pais.
Ó parecer, a anterior directiva da ANPA aceptara os novos horarios adaptados xa a finais do ano pasado. Co cambio de directiva comezaron os problemas. Sobre o transporte escolar o Delegado di que é un servizo que se intentou cambiar para maior comodidade pero non houbo opción porque está enlazado con outros centros. En calquera caso para el a solución pasaría por volver á xornada partida tal e como tiñan antes.
Unha cuestión que non tería, ó seu xuízo, máis pais a favor e que sería peor. Como compensación ós trastornos dos horarios de alimentación Educación deu opción ós pais de que tódolos nenos afectados utilicen o comedor gratuitamente. Sobre o uso das instalacións por parte dos nenos mentres se están a realizar as obras, o delegado asegura que só se trata dun pequeno retraso que pagará a pena co resultado final.
Redacción Salnés