POBRA > A Asociación de Veciños Santa Cruz, da Pobra do Caramiñal, vén de denunciar as deficiencias detectadas no subministro de auga desta parroquia.
Vicente Costas, veciño do lugar de Pedriñas na parroquia de Santa Cruz, vén de amosar o seu malestar ante a reiterada falla de subministro de auga na zona que, segundo denuncia, repítese tódolos veráns. Este veciño considera que a resposta do executivo ante esta problemática non está a ser a axeitada deixando sen este servizo ós núcleos rurais primando as actuacións na zona urbana da Pobra.
Por outra banda, os veciños denuncian o mal estado da auga da rede municipal que non reúne as condicións de potabilidade. A Asociación de Veciños procedeu á realización de varias análises para certificar o bo estado da auga pero todas tiveron o mesmo resultado negativo. Por este motivo, xa presentaron ante a Consellería de Sanidade un escrito solicitando a toma de medidas para garantir a total salubridade da auga.
Dende o colectivo veciñal agárdase que tanto a administración autonómica como a local respondan ás súas demandas.
Redacción Barbanza