Boiro pon en marcha unha campaña para concienciar sobre a recollida dos excrementos das mascotas

BOIRO> O concello de Boiro pon en marcha unha campaña de concienciación para a recollida de excrementos das mascotas. Xa se instalaron varias papeleiras con dispensadores de bolsas así como paneis informativos en varios puntos da rúa peonil e o parque da Cachada.

Co obxectivo de manter un pobo limpo, o concello de Boiro vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización sobre a necesidade de recoller os excrementos das mascotas. Baixo o lema ‘Sempre que pasees o can, recolle o que deixa no chan’ anima á cidadanía a manter as rúas limpas e libres de excrementos co fin de favorecer a convivencia e mellorar a imaxe do municipio.

Ademais de carteis informativos, lembrando as sancións que pode supoñer o incumprimento da ordenanza de convivencia e medio ambiente, o concello instalou papeleiras con dispensadores de bolsas en varios puntos da vila.

Na actualidade hai máis de 250 cans censados en Boiro. Dende o concello lembran que dispoñen dun parque canino, emprazado na avenida de Avellaneda, no que poden andar soltos e exercitarse nos elementos instalados para as mascotas.