As Xornadas Saudables inclúen charlas polas parroquias sobre as prestacións para dependencia

RIBEIRA> O departamento de Servizos Sociais de Ribeira organiza a oitava edición das Xornadas Saudables. Ademais de catro conferencias, o programa inclúe este ano unha actividade informativa sobre os recursos e prestacións no ámbito da dependencia que se desenvolverá polas parroquias.

O oito de maio arranca o programa das oitavas Xornadas Saudables organizadas polo concello de Ribeira. Componse de 4 charlas que engloban temas tan variados como o manexo da dor crónica, a educación emociona, o manexo da medicación nas persoas con demencia ou un obradoiro de musicoterapia. Serán tódolos mércores en horario de tarde no centro cultural Lustres Rivas.

Como novidade, nesta edición porase en marcha un programa informativo sobre recursos e prestacións no ámbito da dependencia que se desenvolverá por tódalas parroquias durante os meses de maio e xuño.

Aínda que para esta actividade non hai que anotarse, si é preciso formalizar inscrición para as catro charlas das xornadas a través dun formulario dispoñible en Servizos Sociais.