I Encontros Salnés 2006 de actualización en Neuroloxía

    SALNÉS > O venres 6 de outubro e o sábado 7 preto dun centenar de profesionais de diversos centros sanitarios participarán en Sanxenxo nos ‘Primeiros Encontros Salnés 2006 de actualización en neuroloxía’. 

    Desenvolveranse diversas mesas redondas nas que se analizará a situación actual do tratamento de patoloxías como a epilepsia, o párkinson, as cefaleas ou a demencia.

    O Hotel Sanxenxo acollerá estes encontros organizados polo Hospital do Salnés, onde se darán cita neurólogos, internistas e médicos de atención primaria de centros sanitarios de Vilagarcía, Santiago, Ferrol, Madrid, Barcelona, Salamanca e Pamplona.

    Os profesionais participantes actualizarán avances en técnicas de diagnóstico e tratamento de determinadas doenzas neurolóxicas: a epilepsia, os movementos anormais e párkinson, as cefaleas, a demencia, a esclerose múltiple ou as doenzas cerebro- vasculares.

    Os Primeiros Encontros Salnés 2006 de actualización en Neuroloxía, declarados de interese sanitario pola Consellería de Sanidade, inauguraránse o día 6 de outubro.

    A asistencia neurolóxica no Hospital do Salnés engloba dende maio de 2005 actividades de consultas externas, hospitalización e probas funcionais, incrementando cada ano o número de consultas e hospitalizacións. Proximamente ampliarase o servizo con novas probas de diagnóstico.

    O Hospital do Salnés está de actualidade porque acolle tamén durante dez xornadas a nova unidade móbil de resonancia magnética, que prevé efectuar preto de 200 probas diagnósticas. Con este servizo evitarase o traslado dos pacientes fóra da comarca. Este investimento da sanidade pública, que supuxo para o SERGAS un investimento de 1.400.000 euros, alivia as cargas de traballo dos hospitais de referencia, á vez que se minimizan esperas.

    Redacción Salnés