CAMBADOS> A empresa Hierros Santa Cruz celebrou onte por todo o alto os seus 50 anos de historia. Fíxoo rodeada dos traballadores, provedores e amigos que a acompañaron nas diferentes etapas. A eles dedicoulles toda unha festa na parroquia de Castrelo, en Cambados, que mesmo contou coa actuación da orquestra Panorama e unha tirada de fogos artificiais. A empresa chega a este medio século de vida convertida en todo un referente do sector.
Xa se cumpriron 50 anos dende que Luis Martín e Perfecto González, Chicho, fundaron unha empresa que a día de hoxe continúa a ser un referente. Hierros Santa Cruz naceu no 1976, como o soño duns emigrantes que retornaran á súa terra.
Os primeiros anos estiveron cheos de oportunidades. A empresa medrou ao igual que o facía o país: o Mundial do 82, as Olimpíadas de Barcelona e a Expo de Sevilla no 92 ou o apoxeo da construción a comezos do século XXI. Pero pouco despois chegaría a gran crise que os obrigou a reinventarse.
Onte tocou mirar cara atrás pero sen perder de vista o futuro. Un tempo que chega da man dos socios de Hierros Santa Cruz, o Grupo Ferralia.
Este 50 aniversario foi toda unha festa. Tamén unha homenaxe ao traballo da familia que o fixo medrar todo como contaron o propio Telmo Martín e a súa tía Natalia, viúva de Perfecto González.
Rodeados de traballadores, provedores e amigos celebraron este medio século de historia por todo o alto. Houbo comida e música. Mesmo a actuación da Orquestra Panorama e tirada de fogos de artificio, que Hierros Santa Cruz quixo compartir coa parroquia cambadesa de Castrelo, que os viu nacer hai xa 50 anos.











