O TSXG admite a trámite o recurso do Concello pola ronda

    plano_ronda_100_041006.jpgSANXENXO > O TSXG admite o contencioso administrativo do Concello contra a Resolución da Xunta sobre a ronda.

    O proxecto da Avenida Aviador Piñeiro segue o seu curso nos xulgados. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite o recurso contencioso administrativo presentado polo Concello de Sanxenxo contra a resolución da Xunta. Como lembrarán, o pasado mes de maio, Política Territorial denegaba a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do PXOM de Sanxenxo, a relativa á denominada ronda.

    Na resolución, comunicábase que a modificación do Planeamento proposta polo Concello non se axusta ó establecido pola Lei do Solo. Segundo a Xunta, esta ronda non cumpre a función de variante nin constitúe unha alternativa á PO-308 e entende que a suposta modificación debe ser considerada unha revisión dada a gran incidencia do novo vial na estrutura do PXOM e a magnitude do ámbito afectado que implica cambiar totalmente o modelo territorial de Sanxenxo.

    O goberno local entendeu que esta resolución respondía máis a consideracións políticas que a fundamentos técnicos, e por iso decidiu presentar recurso. O Concello sinala que de ter recibido alternativas por parte da Xunta para solucionar os atascos na PO-308, tería reconsiderado o seu dereito a recorrer. Non foi así e agora será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen diga se a resolución de Política Territorial se axusta a dereito. O goberno de Telmo Martín vai máis aló e advirte que se a Xunta segue sen propor unha alternativa ós atascos da Po 308 serán os veciños de Sanxenxo e os miles de galegos que veranean na zona os que saquen as súas propias conclusións.

    Redacción Salnés