VIGO > O Grupo Quintá presenta na feira Conxemar as plataformas somerxibles de Extrumar, nunha xornada técnica.
A sétima edición da Feira Internacional de Productos do Mar Conxelados, Conxemar 2006 pecha as súas portas no Instituto Feiral de Vigo. Durante estes tres días, participaron 600 stands de 34 países de tódolos continentes. Pero ademais dos expositores, Conxemar serviu de punto de encontro para os negocios, e para a celebración de xornadas técnicas, seminarios e mesas redondas, como a que celebrou o Grupo Quintá para presentar as plataformas mariñas de Extrumar.
Extrumar presentou unha serie de plataformas somerxibles para cría e engorde de mexillón, ostra e polbo. Os técnicos do Grupo Quintá explicaron as características destas bateas confeccionadas en aceiro naval e recubertas dunha pintura antiesvarante para maior seguridade dos seus operarios, e incluso con control remoto. Unha das principais vantaxes é que se garante a estabilidade da estructura incluso en pleno temporal. O prezo pode roldar os 140 mil euros, pero os seus impulsores cren que as vantaxes superan este gasto, xa que a batea somerxible garante unha maior producción e unha maior calidade.
Redacción Salnés