O GROVE> Unha vintena de alumnos iniciaron hoxe a súa formación no sexto obradoiro de emprego en hostalería promovido pola Mancomunidade do Salnés. Por diante seis meses de estudo que rematarán coa obtención dun título que os cualificará como profesionais e altas probabilidades de inserción no mercado laboral. A sexta edición do obradoiro de emprego en hostalería promovido pola Mancomunidade do Salnés botou a andar esta mañá con 23 alumnos. Durante os próximos seis meses recibirán formación en operacións básicas de cociña, restaurante e bar que lles abrirá unha nova porta ó mercado laboral. Ensinanzas regradas, polas que obterán titulación á vez que perciben o salario mínimos interprofesional, 641,40 euros ó tratarse de persoas en situación de desemprego. Desde a Mancomunidade do Salnés salientan o elevado índice de inserción laboral que vén tendo este obradoiro de emprego, e máis no sector da hostalería, para o que se prevé un futuro puxante na comarca, como sinalou o alcalde do Grove Miguel Ángel Pérez. Este é un dos 53 obradoiros aprobados para este ano pola consellería de Traballo en toda Galicia e que nestes días botan a andar cunhas 1.300 persoas participando como alumnos.
Inicio Salnés - Caldas