POBRA> A xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, visitou esta mañá as instalacións de Alicrusa, no polígono industrial da Tomada, na Pobra do Caramiñal. A visita respondía ó interese en coñecer os proxectos futuros de ampliación da compañía, despois da adquisición, a finais do 2019, de varios terreos neste parque empresarial.
Beatriz Sestayo, xerente de Solo Empresarial do Atlántico, visitou esta mañá as instalacións de Alimentos Cruz del Sur, Alicrusa, no polígono da Tomada. A visita tiña coma principal finalidade coñecer de primeira man as instalacións desta empresa asentada no parque empresarial pobrense dende o ano 2007, dedicada como plataforma loxística e de distribución de produtos conxelados, e que conta na actualidade cun plantel duns 21 traballadores. Durante a visita, Beatriz Sestayo puido abordar tamén coa dirección da empresa os proxectos futuros de ampliación que ten a compañía, despois da adquisición, o pasado mes de setembro, de tres parcelas que estaban aínda a venda neste polígono cunha superficie total duns trece mil metros cadrados.
A empresa atópase agora na fase de redacción do proxecto de ampliación e busca de financiamento para desenvolver unha plataforma nova de elaboración relacionada cos produtos da pesca coa mente posta a finais de 2021.
Con este encontro, a xerente de Solo Empresarial do Atlántico inicia os contactos para avaliar a demanda de chan industrial que pode existir para acometer no futuro a ampliación do polígono, que esgotou xa a súa superficie no ano 2019.