PORTO DO SON> Este fin de semana cumprirase un ano da chegada ás praias galegas dos primeiros sacos de pelets procedentes do Toconao. Coincidindo con este aniversario a Xunta vén de anunciar a presentación dun recurso de alzada instando ó goberno central a depurar responsabilidades polo dano ambiental.
A Conselleira de Medio Ambiente visitaba esta mañá a praia de Queiruga, en Porto do Son, unha das primeiras nas que se detectou a presenza dos residuos plásticos do Toconao, que perdera parte da súa carga fronte ás costas portuguesas. Un ano despois daquel vertido que supuxo á Xunta un gasto de 2’4 millóns de euros, a administración segue a esixir responsabilidades.
Ademais, dende a Xunta solicitarán no próximo Consello Europeo de Ministros un endurecemento da lexislación sobre os requisitos para o transporte marítimo de mercadorías potencialmente perigosas.
Ó respecto da evolución do vertido, a Conselleira indicou que ó longo de varios meses realizouse un seguimento exhaustivo en colaboración cos concellos que apenas detectaron a presenza destes residuos no litoral.









