ENTREVISTA > Xa está á venda o novo disco de Bea, ‘Volver a amanecer’. A cantante atópase arestora en plena promoción.
A cantante cesureña Bea está disposta a iniciar unha nova andaina na súa carreira profesional. E faino co disco ‘Volver a amanecer’, que vén acompañado dun DVD co videoclip do primeiro tema, ‘Tal vez’. Neste novo traballo Bea escolleu trece cancións, unha delas en inglés e outras dúas en galego, ‘Lela’ e ‘Negra sombra’.
TVSB: Bea, ¿Este disco rompe completamente coa liña máis melancólica e intimista de ‘Fuego y miel’?
Bea: Si, é como volver a nacer de novo, como iniciar un novo camiño.
TVSB: ¿E cara onde vai ese camiño?
Bea: Uff, complicado. A seguir intentándoo, a poder chegar a algo nesto, a seguir estudando, no grupo de teatro …
TVSB: O mundo da canción é moi complicado, ¿non?
Bea: Un mundo moi complicado, ninguén, nin o máis grande, vive só da venda de discos. O que conta son os concertos en directo, e agradécese moitísimo que te chamen para amenizarlles a festa. Aí gózase realmente, coa adrenalina a tope.
TVSB: ‘Volver a amanecer’ xa se presentou en xullo en Pontecesures, e na xira de verán xa interpretaches os novos temas, ¿como foi a acollida do público?
Bea: Pois de momento cóidame ben o público, sobre todo aquí (en Pontecesures), onde estou como na casa. Pero non é o mesmo cantar para a túa familia que para xente de fóra. Pero si, o disco foi ben aceptado. A ver agora.
TVSB: ¿Que hai de Bea neste novo disco?
Bea: Pois todo, menos as letras, aínda que as escollín todas eu. Botei un ano traballando neste disco, dándolle moitas voltas. É moi diferente ó anterior, neste hai máis estilos, porque me gustan todos e non quero encasillarme nun só.
TVSB: Está claro que a ti o escenario che gusta, concertos, e agora teatro …
Bea: No teatro xa empecei de moi pequeniña e de aí xurdiu a música, de casualidade. Agora volvo a retomar o teatro (Bea estuda Arte Dramático en Vigo e forma parte ademais dun grupo de teatro).
TVSB: Pois moita sorte, co disco, e co teatro.
Bea: A verdade é que este ano tiven moita sorte. Agora estamos cun proxecto teatral co Centro Dramático Galego. Espero seguir con isto, co disco e con todo o que veña.
Redacción Salnés