O BNG da Pobra denuncia as deficiencias nas instalacións deportivas do municipio

    instalacionsdeportivos_100_111006.jpgPOBRA > O BNG da Pobra do Caramiñal segue a denunciar o lamentable estado de abandono en que se atopan as instalacións deportivas do municipio.

    Os nacionalistas acusan ó goberno do PP de abandonar paulatinamente as instalacións deportivas do concello dende a súa chegada ó poder hai sete anos. Un exemplo desa política de deixadez é o campo de fútbol da Alta que, dende hai un ano, non conta con persoal de mantemento.

    A situación de abandono é tal que a práctica do deporte faise case imposible cun terreo de xogo invadido pola maleza, ó igual que as pistas de atletismo que non contan cun sistema axeitado de drenaxe polo que é frecuente que se produzan anegamentos. O recinto tamén carece de luz polo que, na tempada de inverno, o campo queda inutilizado a partir das seis da tarde.

    Os nacionalistas consideran especialmente alarmante a situación na que se atopan os vestiarios e baños públicos, que dende hai uns meses carecen de auga e se atopan en condicións totais de insalubridade e hixiene.

    Os nacionalistas consideran que o alcalde non pode xustificar o abandono das instalacións deportivas do concello pola falla de investimentos doutras administracións, como é o caso da subvención solicitada á Deputación para a acometida de melloras deste campo. Por este motivo, insta ó executivo a realiza-las labores de mantemento e limpeza das instalacións dun xeito periódico para garantir-las mínimas condicións que permitan a práctica do deporte.

    Ademais do campo da Alta no que entrenan e compiten dous equipos de fútbol e o club de atletismo do concello, no municipio existen outras instalacións que, segundo denuncian os nacionalistas, atópanse no mesmo estado. Este é o caso do campo do Xobre que carece de vestiarios e gradas, o polideportivo Venecia que durante os días de chuvia rexistra importantes filtracións pola súa cuberta chegando a provocar o encharcamento da pista ou o polideportivo da Tomada que a día de hoxe atópase practicamente inutilizado.

    Redacción Barbanza