O centro de saúde de Taragoña seguirá en servizo

    centrosauderianxo_07052008.jpgRIANXO > O SERGAS ten previsto manter operativo o centro de saúde de Taragoña, mellorar as instalacións e ampliar o persoal

    O alcalde de Rianxo Pedro Piñeiro recibiu esta mañá no seu despacho á Directora da Xerencia de Atención Primaria da área de Santiago, Ana Castaño, e ó Director de Xestión, Carlos Ferreiro.

    O motivo da visita non era outro que interesarse pola situación actual dos dous centros de saúde existentes na localidade, o de Rianxo e o de Taragoña, tanto a nivel do estado das instalacións como tamén do persoal.

    Ampliación do persoal

    Durante o encontro a representante do Servizo Galego de Saúde negou que o Sergas tivera intención de pecha-lo consultorio de Taragoña tal e como se veu rumoreando nos últimos meses, anunciando ademais que se vai proceder á mellora das instalacións.

    Castaño anunciou ademais que o Sergas ten previsto amplia-lo persoal do novo centro de saúde rianxeiro, coa contratación dunha traballadora social e dúas enfermeiras, unha para o turno de mañá e outra para o da tarde.

    {flowplayer}barbanza/centrosauderianxo.flv{/flowplayer}

    Busca de solucións

    Durante o encontro o rexedor local tamén lle trasladou ós representantes da Consellería de Sanidade os problemas existentes no novo consultorio derivados dos problemas de filtracións de auga.

    Un problema do que xa tiñan coñecemento e que agardan solucionar de inmediato, ó ser unha deficiencia detectada durante o período de recepción da obra, polo que a empresa construtora deberá facerse cargo do seu amaño.

    Tamén falaron dos problemas que se dan na área de pediatría. Un problema común a outros centros da comunidade e que veñen derivados da falla de facultativos desta especialidade para poder realiza-las correspondentes substitucións.

     

    Redacción Barbanza