O BNG reclama a mellora da accesibilidade no centro de saúde de Corrubedo

RIBEIRA> O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento instando á consellería de Sanidade a dotar de accesibilidade universal ó centro de saúde de Corrubedo. 

Na proposta, asinada pola deputada Rosana Pérez, alertan da existencia dunhas escaleiras na área de administración sen ningunha alternativa  para que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder.

Xunto con esta demanda, os nacionalistas insisten na necesidade de acometer unha mellora integral do ambulatorio para garantir un asistencia de calidade ós pacientes e unhas condicións de traballo dignas ós profesionais que alí desempeñan o seu labor.