Inicio de campaña decepcionante nos Lombos do Ulla

    oslombos_100_171006.jpgRIANXO > As primeiras xornadas de marisqueo nos Lombos do Ulla están a resultar decepcionante para os mariscadores.

    Segundo fontes da Consellería de Pesca a cifra de embarcacións que acudiron a faenar na primeira xornada ó banco natural de libre marisqueo situado nos Lombos do Ulla situouse nas 109. A maioría delas pertencían á Confraría de Pescadores de Rianxo, aínda que tamén había algunhas doutros pósitos da ría como Carril, Vilanova ou Cabo de Cruz.

    Os resultados do primeiro día de traballo non foron moi alentadores, xa que segundo os propios datos de Pesca, os 166 mariscadores que se achegaron ata a desembocadura do río conseguiron extraer uns 324 quilos de ameixa fina, 377 de xapónica e tan só cinco quilos de berberecho.

    A maioría dos mariscadores que se achegaron a traballar ós Lombos do Ulla regresaron a porto sen poder colle-los topes establecidos, queixándose tamén da gran cantidade de marisco morto. 

    O patrón maior de Rianxo, Baltasar Rodriguez Alcalde, culpou desta situación de escaseza nas extraccións á elevada mortantade de marisco a consecuencia dos temporais e as chuvias do pasado inverno.

    Rodríguez Alcalde fixo refrencia tamén as escasas medidas de control por parte da Consellería de Pesca que non se implicou decididamente na mellora destes bancos naturais.

    Redacción Barbanza