A responsable da axencia de lectura de Bamio síntese ameazada

    araujoconinforme_100_181006.jpgVILAGARCÍA > O concelleiro de Cultura de Vilagarcía denunciou supostas ameazas á responsable da axencia de lectura de Bamio.

    Segundo un informe feito pola propia afectada, leva meses recibindo ameazas por parte de membros da Asociación de Veciños de Bamio. Incluso está recibindo terapia médica por este motivo.

    O feito máis grave, segundo se recolle nese informe, ocorreu en febreiro cando atopou na Axencia de Lectura a varios veciños esperándoa. Estaban coa luz apagada dentro da propia oficina que debe abrir ela e ameazárona con despedila se non cumpría o mandato da asociación. Neste caso as queixas viñan motivadas pola retirada da axencia de lectura de vario mobiliario da Casa da Cultura e material da asociación que, segundo o edil de Cultura, non debería ter estado nunca alí. Neste caso o enfrontamento foi tan violento que os propios veciños sacaron a un deles da sala polo exaltado que se puxo coa rapaza.

    Pero as ameazas continuaron, o que lle provocou á responsable da axencia unha depresión e unha situación de estrés pola que tivo que acudir a terapia médica. O concelleiro asegura que este informe irá á vindeira comisión de goberno para ver como actuar, pero asegura que non vai consentir que os veciños de Bamio fagan o que lles dé a gana nunhas instalacións públicas.

    Pero o concelleiro tamén denunciou outra irregularidade da que ven de ter coñecemento: a existencia dunha liña ilegal de internet que sae da axencia de lectura e vai a outras oficinas da Casa da Cultura. Unha nova irregularidade que se suma ás xa denunciadas en días atrás e que motivan a decisión tomada polo Concello de darlle as chaves a quen as pida explícitamente. Algúns, como as mulleres rurais e varios pais xa o fixeron e están desfrutando das instalacións. Ademais a axencia de lectura segue aberta no seu horario habitual de 5 a 8 e seguen sendo moitas as persoas que diariamente se achegan por alí para face-las súas cosultas, traballos ou simplemente a ler.

    Redacción Salnés