A alcaldesa de Cambados citada no xulgado

CAMBADOS> A alcaldesa de Cambados chamada a declarar por posible malversación de fondos públicos. Fátima Abal acudiu hoxe ó xulgado da vila polo presunto trato de favor a un policía. A investigación trata de coñecer se tiveron lugar prácticas irregulares no cobro de horas extra e no uso privado dun coche propiedade do Concello.

Fátima Abal tivo que comparecer esta mañá no xulgado de Instrución e Primeira instancia número 4 de Cambados por un posible delito de malversación. O xulgado accedeu á solicitude do Ministerio Público de investigar a alcaldesa e a un policía por presunto trato de favor.

A investigación tratará de esclarecer a regularidade no cobro de pagas extras por parte do policía. Así como a utilización deste, de forma privada, dun coche propiedade do Concello. O policía tamén será investigado por un presunto delito de suborno. Ademais, o Ministerio Público solicitou a declaración como testemuñas de empregados municipais así como do denunciante para que concretase con probas e indicios a acusación.

Ademais a alcaldesa tamén recibiu outra mala nova dende os tribunais. O Xulgado do Contencioso Administrativo declarou nulo o proceso mediante o cal o garda Adolfo Suárez gañou unha convocatoria de emprego por mobilidade. O proceso, que fora aberto pola rexedora socialista hai uns meses, foi cuestionado dende o primeiro momento pola oposición e outros membros da policía.

Comments are closed.