Apoio ó parque empresarial comarcal entre Ribeira e Pobra

    POBRA > A Agrupación Socialista da Pobra apoia a construción do polígono industrial comarcal que se construirá entre os concellos da Pobra e Ribeira.

    Os socialistas pobreses non tiveran acceso, ata o de agora, a este proxecto de forma pormenorizada. No transcurso da xuntanza co director xeral de Vivenda, puideron analizar os detalles deste futuro parque da Teixoeira que ocupará preto dun millón de metros cadrados dos concellos de Pobra e Ribeira. A agrupación socialista amosou o seu apoio ó actual documento posto que inclúe a protección das fontes que discurren por estes terreos así como unha gran zona verde entre a futura autovía e a estrada de Moldes. Os socialistas aproveitaron a xuntanza con Daniel Pino para trasmitirlle a súa preocupación polo tratamento dos residuos procedentes da actividade industrial posto que , na actualidade, o parque da Tomada presenta un sistema de depuración deficiente.

    Negativa á ampliación da Tomada

    Os responsables do PSOE Pobrés tamén amosaron o seu desacordo coa intención do executivo de ampliar o polígono da Tomada en mil metros, razón pola cal xa presentaron unha alegación ante a Dirección Xeral de Urbanismo. Ademais da reunión co responsable de Vivenda, os socialistas pobreses informaron do seu encontro co delegado de Política Territorial, Jacinto Parga, durante a súa visita ó concello o pasado luns. O delegado provincial acudiu a supervisar as obras da estrada AC-302, en dirección a Moldes, e recolleu as principais reivindicacións dos veciños deste núcleo. Jacinto Parga comprometeuse a dotar de bordes ás beirarrúas para evitar que os coches poidan caer na cuneta. Pola súa banda, o secretario de organización do PSOE Pobrés, Andrés Rey, criticou novamente a actitude do goberno municipal que, ó seu parecer, se está a atribuír o mérito de obras que non son súas como é o caso da mellora da seguridade vial na AC-305 ó seu paso pola Pobra.

    Redacción Barbanza